Bicicletada pola Mobilidade – 22 de setembro

Categoría: Bicicletadas

Co gallo da Semana Europea da Mobilidade, desde Vigo Ciclábel organizamos a I Bicicletada pola Mobilidade. Esta acción terá lugar o xoves 22 de setembro e sairá desde o Olivo do Paseo de Alfonso XII ás 20:00h. A bicicletada durará aproximadamente 1 hora, tempo durante o cal faremos un percorrido sinxelo polas principais rúas da cidade:

Paseo de Alfonso XII > Pi y Margall > López Mora > Praza Independencia > Camelias > Venezuela > Brasil > Fernando O Católico > Urzáiz > República Arxentina > Praza de Compostela

bicicletada pola mobildade vigo

A Bicicletada pola Mobilidade é un evento lúdico e reivindicativo, onde queremos poñer o foco en varias cuestións relevantes para formentar a mobilidade activa. Estas cuestións son a necesidade dunha rede ciclista e a aplicación de políticas de pacificación do tráfico.

Rede ciclista e políticas de pacificación do tráfico

Desde Vigo Ciclábel apostamos por una rede de carrís bici e ciclocarrís ben conectados e con criterios homoxéneos. Esta rede ciclista permitiría percorrer a cidade en vías segregadas ou por vieiros de tráfico pacificado. E para acadar este obxectivo, pensamos que ademais son necesarias políticas de pacificación do tráfico efectivas en todas as rúas da cidade.

Algunhas medidas a tomar de xeito urxente serían, por exemplo, a redución da velocidade con lombos, os controis de velocidade en todo o casco urbano, o control do estacionamento irregular en paradas de autobús ou carril bici e a dobre fila, ou ben a redución a 10 km/h nas zonas de prioridade peonil e nas contornas escolares.

O carril bici de Vigo: análise da infraestrutura e conclusións

Ademais, o venres 23 de setembro, ás 19:00 en Aula D (Rúa Elduayen nº36), terá lugar unha palestra sobre a análise do estado do carril bici de Vigo realizada por Vigo Ciclábel. Nesta palestra exporanse o estado da infraestrutura e as conclusións obtidas deste ano de funcionamento do único carril bici existente en Vigo.

Etiquetas:
Entradas recentes
Menú