E ti… anímaste ir á praia en bici?

Categoría: Campañas

Desde Vigo Ciclábel lanzamos novamente neste 2021 a campaña “á praia en bici”, co fin de potenciar durante o verán o uso da bicicleta como medio de transporte nos desprazamentos aos areais de Vigo. A campaña consiste na proposta de vías ciclistas que permitan achegarse en bicicleta á franxa litoral de xeito seguro.

Durante o verán, a zona de praias de Vigo é receptora de milleiros de desprazamentos de vehículos a motor co fin de realizar un uso recreativo dos areais. Esta afluencia masiva de persoas dá lugar a un aumento do tráfico rodado a motor, incrementando as emisións atmosféricas, así como a contaminación acústica e os atascos. Ademais aumenta a accidentabilidade coa convivencia con outros medios de transporte como a bicicleta.

Por estes motivos, solicitamos ao concello de Vigo implementar unha serie de vías ciclistas seguras para fomentar a mobilidade en bicicleta.

Unha rede de itinerarios ciclistas seguros na cidade

Co fin de potenciar os desprazamentos en bicicleta á zona de praia é fundamental a creación de vías ciclistas seguras e conectadas entre si, así como outras medidas destinadas á pacificación do tráfico.

Deste xeito propoñemos a creación de corredores ciclistas permanentes na avenida de Europa, na avenida de Samil e na avenida de Beiramar, dedicando un carril de ida e outro de volta, á mobilidade exclusivamente en bicicleta. Ademais solicitamos implementar a colocación de lombos na calzada como medida de pacificación do tráfico rodado a motor.

A súa vez, esta campaña aposta por reducir o número de estacionamentos para coches nas principais praias da cidade como medida de disuasión do uso de vehículos a motor, ademais de habilitar puntos de estacionamento de bicicletas ao longo de todas as zonas de praia de Vigo.

O carril bici de Bouzas e a reforma do paseo de Samil: dúas oportunidades perdidas para a rede ciclista da cidade

O concello de Vigo decidiu eliminar no último momento o carril bici proxectado dentro da reforma do paseo de Bouzas, o que supón unha oportunidade perdida para conectar a zona de praias co resto da cidade a través dun itinerario ciclista seguro.

Na actualidade, a Autoridade Portuaria está a construír un novo carril bici que unirá o paseo das Avenidas con Bouzas a través de Beiramar, o cal non terá continuidade coa senda litoral de Alcabre debido ás obras do paseo de Bouzas realizadas polo concello. Isto reflicte a urxencia de dotar á cidade dun Plan Director da Bicicleta co fin de planificar a rede ciclista de xeito coordinado entre diferentes administracións. O Plan Director deberá contar coa participación dos actores implicados, incluíndo as asociacións ecoloxistas e a prol da mobilidade sostible.

Demandamos tamén que o proxecto de recuperación da praia de Samil que desprazará o paseo actual e contempla intervencións nas beirarrúas, se aproveite para instalar un carril-bici na Avenida de Samil. Esa avenida é un punto central do uso recreativo da bicicleta na cidade, e ten espazo dabondo para reservar un carril-bici amplo en cada dirección.

Etiquetas: ,
Entradas recentes
Menú