Decálogo por un Vigo máis ciclábel

Categoría: Campañas

Esta semana, coincidindo coa día da bicicleta (3 de xuño) e co día do medio ambiente (5 de xuño), desde Vigo Ciclábel lanzamos o decálogo «Fagamos un Vigo máis ciclábel: dez medidas para fomentar a mobilidade activa na cidade» co fin de conseguir unha cidade máis segura, habitábel e inclusiva.

Queremos poñer de manifesto a necesidade de mudanzas urxentes na mobilidade diaria en Vigo co fin de facer fronte á actual crise climática, ecolóxica e social. Ademais é preciso reducir ao máximo os accidentes de tráfico aplicando políticas de Visión Cero.

A súa vez, potenciar a mobilidade activa permitiría camiñar cara a descarbonización proposta na Lei 7/2021 de Cambio Climático e Transición Enerxética. Así, desde Vigo Ciclábel queremos propoñer medidas que sexan sustentábeis e que potencien ademais a economía local.

Por que é preciso mudar a mobilidade en Vigo?

A día de hoxe un 70% das viaxes diarias que se realizan en Vigo son motorizadas, chegando ao 80% se temos en conta tamén as viaxes de entrada e de saída á cidade.

Ademais Vigo é unha das cidades con maior índice de contaminación acústica de todo o estado debido principalmente ao tráfico rodado. Tamén é a que presenta maior taxa de accidentes en tramos urbanos e de emisións contaminantes de toda Galicia.

Por todos estes motivos, Vigo precisa facer un xiro no enfoque da súa mobilidade e apostar decididamente pola bicicleta, polo transporte público, pola intermodalidade e polo respecto ás persoas que van a pé.

Co fin de acadar estes obxectivos e facer así un Vigo máis ecolóxico e sostíbel, desde Vigo Ciclábel propoñemos un conxunto de dez medidas que facilitarían a mobilidade activa. Estas medidas pódense consultar no seguinte decálogo

E ti? Anímaste a facer posible este cambio na mobilidade?

Etiquetas: , ,
Entradas recentes
Menú