Xornadas «Reinventando Vigo»

Categoría: xornadas

Dende Vigo Ciclábel queremos convidarvos a participar nas xornadas «Reinventando Vigo: A mobilidade e o espazo público na cidade post-pandemia», que terán lugar os vindeiros días 27 e 29 de maio de 2021 en Vigo.

As xornadas constarán de dúas sesións: unha mesa redonda con expertas en mobilidade e espazo público o xoves 27 de maio e unha sesión de traballo en grupos o sábado 29 de maio pola mañá na que queremos que entre moitos colectivos da cidade tiremos conclusións e propostas conxuntas para camiñarmos ao Vigo que queremos nos vindeiros anos, un Vigo máis sostíbel, máis amábel e, en definitiva, unha cidade para as persoas.

As xornadas desenvolveranse na Aula D (rúa Elduayen, 36) cun aforo limitado por mor das normas sanitarias, polo que é necesaria inscrición. A mesa redonda do día 27 tamén se emitirá por streaming.

Apúntaste a imaxinar connosco a cidade do futuro?

A pandemia da covid-19 advertiunos, e aínda o fai, da necesidade de vivirmos en contornas máis resilientes e menos vulnerábeis a situacións de emerxencia. Hoxe é a pandemia, mais tamén estamos fronte á contaminación, o cambio climático, a perda de biodiversidade, as desigualdades e moitas outras cuestións que ameazan a nosa convivencia.

En definitiva, a pandemia aprendeunos que temos que repensar e redeseñar as nosas cidades e o futuro para as persoas que viven nelas. Que leccións tiramos do vivido? Como teñen que ser as nosas cidades para un futuro sustentábel?

Se che interesa asistir e participar podes apuntarte neste formulario. É importante que o cubras, pois as normas sanitarias esíxennos un control de aforo para que todas esteamos máis seguras.

Agardámoste!

Xornadas Reinventando Vigo:

Día 27. 18:00h. A mobilidade e o espazo público nas cidades post-covid. Unha visión xeral sobre as necesidades de mudar o espazo e a mobilidade urbana. Formato mesa redonda.

  • Gemma Simón i Mas, Conbici. Ambientóloga e experta en ecoloxía urbana. Coordinadora de equidade en Conbici. ConBici é a entidade de referencia estatal para a promoción da bicicleta como medio de transporte habitual, seguro e sostible, que contribúe á mellora da calidade de vida da poboación e a un sistema social máis xusto.
  • Sara Ortiz Escalante, Punt 6. Socióloga e máster en planificación urbana na University of Illinois. Experta en planificación urbana dende un enfoque ecofeminista. Punt 6 é unha recoñecida cooperativa catalá de arquitectas, sociólogas e urbanistas de procedencias diversas que levan traballando desde o 2005 con experiencia local, estatal e internacional. O seu obxectivo é lograr que as nosas  cidades sexan máis inclusivas e que as propias persoas que as habitamos convertámonos nos especialistas dos espazos que nos rodean.
  • Adrián Fernández, Greenpeace. Enxeñeiro de Obras Públicas, especializado en Transporte, e Máster en Mobilidade e Seguridade viaria pola Universidade Politécnica de Madrid. Responsábel da campaña de Mobilidad en Greenpeace España. Greenpeace é unha organización ecoloxista e pacifista internacional, económica e politicamente independente que non acepta doazóns nin presións de gobernos, partidos políticos ou empresas. Utiliza a acción directa non violenta para atraer a atención pública cara aos problemas globais do medio ambiente e impulsar as solucións necesarias para ter un futuro verde e en paz.
  • Antón Lois, Amigos da Terra. Portavoz de Amigos da Terra en Vigo. Amigos da Terra forma parte Friends of the Earth International, sendo unha asociación ecoloxista que ten como misión o fomento do cambio local e global cara a unha sociedade máis respectuosa co medio ambiente, xusta e solidaria.

Día 29. 10:00h. A mobilidade e o espazo público dende o ollar dos movementos sociais e veciñais. Conclusións e propostas dos movementos urbanos para a cidade post-pandemia. Grupos de traballo e plenario.

  • Eixe 1. Transporte non motorizado (peóns, bicicletas…).
  • Eixe 2. Transporte público (mellora, intermodalidade, cidade sen coches…).
  • Eixe 3. Espazo público, zonas verdes, pacificación do tráfico.

Podes asistir online á mesa redonda na seguinte ligazón:

Etiquetas: ,
Entradas recentes
Menú